Thursday 25 de April de 2024

O xurado dos Prismas falla a XXXIV edición duns premios que se entregarán o 20 de novembro


Con estes galardóns, os Museos Científicos e o Concello pretenden poñer en valor o traballo das e dos profesionais deste campo e achegar a cultura científica á cidadanía

O xurado dos Premios Prismas fallou hoxe os oito galardóns de bronce cos que os Museos Científicos e o Concello tratan de poñer en valor a cultura científica que se difunde a través de distintos soportes. Esta nova convocatoria reafirma a aposta do Goberno de Inés Rey por valorar o esforzo das persoas profesionais deste campo e vai en consonancia co papel dos museos desta cidade. A volta á normalidade destes centros dedicados á divulgación da ciencia é fundamental para levar o coñecemento a toda a cidadanía.

Deste xeito, o Mellor traballo en vídeo recaeu en The melting point, de Phorus Producciones pola súa calidade e por abordar un tema urxente con rigor e emoción e unha coidada factura visual. A distinción como Mellor novo medio foi para The Conversation España, por levar a voz da comunidade científica ao gran público nun formato accesible e sempre pendente da actualidade. Pioneras en geología, de Guiomar Calvo Sevillano, gañou na categoría de Mellor texto inédito por rescatar a historia das mulleres que contribuíron ao progreso da xeoloxía nun exhaustivo traballo de investigación.

O premio ao Mellor libro editado levouno Esto no estaba en mi libro de botánica, de Rosa Porcel en Editorial Guadalmazán, por trasladar a súa paixón pola vida das plantas nun relato fascinante, cun estilo desenfadado e sen renunciar ao rigor, e a reportaxe El año de la ciencia, publicado en El País por Patricia Fernández de Lis foi elixido Mellor artigo xornalístico ao analizar con solidez e da man dos seus protagonistas as complexas relacións entre ciencia e sociedade nun ano excepcional.

No soporte radiofónico, Las científicas del coronavirus, retratos sonoros de una pandemia, de Nuria Jar Benabarre para Agencia SINC, conseguiu o premio por ofrecer unha equilibrada mestura de crónica persoal e información sobre o traballo das mulleres investigadoras durante a pandemia. Pola súa parte, os membros escolleron como Mellor proxecto singular: Odour Collet, de Rosa Arias, unha iniciativa desenvolvida en múltiples formatos, tanto presenciais como en liña. O xurado destacou a súa orixinalidade abordando un problema de contaminación pouco visible coas ferramentas da ciencia cidadá.

Ademais, decidiron outorgarlle o Prisma Especial do Xurado a José Manuel López Nicolás, polo seu activo compromiso coa divulgación científica a través de múltiples formatos. Por outro banda, determinaron darlles mencións honoríficas ao artigo xornalístico La zona muerta, de Laura González de Rivera, publicado en Muy Interesante e ao proxecto singular Cuéntame cómo dedicarme a la ciencia, de Xiomara Cantera Arranz para el Museo Nacional de Ciencias Naturales – CSIC.

Os premios Prismas son unha iniciativa dos Museos Científicos e do Concello da Coruña que pretende potenciar a difusión da cultura científica en España, e apoiar a todas as investigadoras e investigadores. A entrega dos premios terá lugar nun acto que se celebrará o sábado 20 de novembro na Coruña.

O xurado estivo composto por:
– Presidente: Javier Salas Quesada, xornalista científico en Materia – El País.
-Mila Méndez Otero, xornalista de La Voz de Galicia.
-Cintia Refojo Seronero, xefa de unidade de Educación Científica na Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología.
-Estíbaliz Espinosa Río, socióloga, escritora e divulgadora científica.
-Anxo Vidal Figueroa, investigador na Universidad de Santiago de Compostela.
-Cristina Sáez Torres, xornalista especializada en divulgación científica.
Pola súa parte, Marcos Pérez Maldonado, xefe de servizo dos Museos Científicos Coruñeses, actuou como secretario.